Desenvolver hábitos saudables e asumir un envellecemento activo non só mellora a nosa saúde e benestar, senón tamén a nosa calidade de vida. Ademais, actúa como un poderoso elemento protector fronte a enfermidades como o alzhéimer e as demencias. O noso cerebro, do mesmo xeito que o noso corpo, vaise deteriorando co paso do tempo e, por tanto, non debemos deixalo durmir. Debemos estimulalo e obrigarlle a traballar. En AFAL axudámosche a iso a través de diferentes terapias, principalmente cos nosos talleres de memoria e os talleres de reminiscencia.
Actividades que desenvolvemos en grupo, co que tamén se potencia a socialización dos participantes e, sobre todo, fanse moito máis amenas as sesións. Se tes máis de 60 anos e queres exercitar a túa mente, non o dubides e consulta o noso programa. Tan só debes acudir á nosa asociación - rúa Río Castro, 43-45 baixo Ferrol- ou chamarnos ao teléfono 981 37 06 92. De momento, se continúas navegando pola nosa páxina facilitarémosche máis detalles dos talleres, que se celebran na nosa mesma sede.
Podes coñecer máis das nosas propostas se continúas lendo:
- Reminiscencia: téntase provocar unha evocación de situacións do pasado (mocidade ou infancia), activando o funcionamento e a reminiscencia da memoria remota e resaltando aspectos emocionais do recordo como: acontecementos históricos e persoais significativos para o individuo, sensacións, cheiros ou simplemente o recoñecemento de obxectos. Utilízanse recursos como fotografías, música, arquivos gravados, artigos de xornal do pasado, obxectos domésticos, conversacións, etc, co obxectivo de conservar a identidade do suxeito mediante a reactivación do seu pasado persoal
- Talleres de Memoria: con esta proposta, que AFAL Ferrolterra desenvolve no centro de día terapéutico da asociación ao longo de todo o ano, ofrécense actividades encamiñadas a activar, estimular e adestrar as distintas capacidades e funcións cognitivas (percepción, atención, razoamento, abstracción, memoria, linguaxe, procesos de orientación e praxias). E, todo iso, desde un punto de vista lúdico, con exercicios e xogos. Está pensado para persoas maiores de 60 anos e as sesións celébranse con periodicidade semanal.