Publicacións
Servizos
Servizos descentralizados
En AFAL Ferrolterra, detectamos unha necesidade latente de descentralizar os servizos ofrecidos pola asociación, que se concentran para a súa realización na sede da entidade -situada na cidade de Ferrol-. E é que moitas familias non dispoñen de medios de transporte, económicos ou dispoñibilidade horaria para realizar un traslado diario dos potenciais usuarios ata a sede de AFAL Ferrolterra que lles garanta unha atención aos seus familiares e, ao mesmo tempo, un respiro familiar. Todo iso, a pesar da evidente necesidade de estimulación cognitiva observada nos seus familiares.
En aras á consecución dun maior alcance das intervencións dirixidas ás persoas afectadas por alzhéimer e outras demencias e aos seus familiares, AFAL Ferrolterra aposta por unha descentralización dos servizos, ampliando os puntos de atención a este colectivo e consolidando unha rede de atención a persoas con alzhéimer e outras demencias na comarca de Ferrol, Eume e Ortegal. Unha descentralización que comezaba en Cedeira e continua, polo momento, en Ares, Pontedeume e Valdoviño.
En 2015, AFAL iniciaba un proceso de descentralización das súas terapias co ánimo de achegar os seus obradoiros ás persoas afectadas de alzhéimer residentes nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Quería evitar así que a distancia aos centros de día fose un obstáculo para a asistencia e tratamento. Froito desta labor, actualmente, AFAL desenvolve Talleres de Estimulación cognitiva nos concellos de Ares, Cedeira, Pontedeume e Valdoviño. Iniciativas posibles grazas á colaboración dos concellos.
Os talleres de estimulación cognitiva están dirixidos a aqueles veciños que padecen a enfermidade na súa fase inicial ou moderada, celébranse con periodicidade semanal e, neles, técnicos de AFAL levan a cabo diferentes terapias para activar, estimular e adestrar as distintas capacidades e funcións cognitivas das persoas enfermas (percepción, atención, razoamento, abstracción, memoria, linguaxe, procesos de orientación e praxias).
Inscricións, nos departamentos de Servizos Sociais dos respectivos concellos ou en AFAL.
AFAL Ferrolterra dispón dunha ampla oferta formativa dirixida a administracións públicas e institucións que permite achegar tamén este capítulo aos veciños dos concellos emprazados nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Coidadores e profesionais son os principais destinatarios de toda unha serie de cursos específicos sobre diversas materias, como técnicas de adaptación da contorna e produtos de apoio; mobilizacións e transferencias; animación e estimulación, comunicación ou recursos sociais dispoñibles para as familias. Accións que se desenvolven de forma puntual ao longo do ano e que os concellos adoitan incluír nos seus programas de formación.
A todo iso súmanse as charlas informativas que AFAL Ferrolterra, a través do seu equipo de profesionais, ofrece a demanda de calquera administración pública. Charlas nas que falamos de alzhéimer e aspectos máis concretos, e que realizamos ao longo de todo o ano de modo completamente altruísta e gratuíto.
AFAL Ferrolterra aposta por un envellecemento activo optimizando as oportunidades de benestar físico, social e mental das persoas maiores co obxectivo de ampliar a esperanza de vida saudable e a calidade de vida na etapa da vellez. Debido a isto, do mesmo xeito que na sede da asociación, situada en Ferrol, propoñemos a posibilidade de prestar servizos de prevención e de envellecemento activo ás distintas administracións públicas dos concellos da comarca de Ferrol, Eume e Ortegal.
A finalidade das actividades preventivas promovidas por AFAL Ferrolterra para este grupo de idade é, fundamentalmente, o aumento da expectativa de vida activa ou libre de incapacidade previndo en todo caso a deterioración funcional das persoas maiores. Deste xeito, talleres de reminiscencia, memoria ou animación teatral centran a oferta da nosa asociación para a consecución dos obxectivos enumerados. Actividades cuxos resultados e grao de satisfacción está acreditado.
¡Faite Socio!
Axúdanos a levar a cabo os nosos proxectos
A túa axuda é importante, se queres colaborar connosco máis activamente, por favor, descarga o formulario correspondente e fáinolo chegar á nosa sede.
Contacta con nós
Teléfono
Fax
Enderezo
afalferrolterra@afalferroterra.com
981 370 692
981 931 830
R/Río Castro 43-45 Baixo - 15404 - Ferrol (A Coruña)
Homologado pola Consellería de Traballo para a impartición de accións formativas
Entidade declarada de Utilidade Pública polo Ministerio do Interior